Nova Escola galega vén organizando nos últimos anos e no ámbito dos concellos da área de Ferrolterra unha escola de verán que abordou asuntos moi variados do mundo da educación. Logo das experiencias de Ortigueira, Cedeira, Ferrol ou Fene, este ano tocoulle a Narón, concello no que atopamos un decidido apoio por parte do seu alcalde, quen nos acompañou tamén no acto de clausura.
Conscientes das carencias de formación do profesorado en xeral no eido da educación artística, nomeadamente na plástica e na música, acordamos que o eixo central desta escola de verán fose precisamente o de facermos unha aproximación ás bases da educación artística para a súa aplicación directa na escola, tanto dende unha perspectiva de área curricular como dende a de instrumentos necesarios e valiosos para o desenvolvemento de toda a intervención educativa nos centros. A maiores acordamos que, na parte final das xornadas, houbese tamén unha conferencia-coloquio sobre a nova lei de educación que inicia o seu trámite parlamentario.
Os espazos onde se realizaron as actividades da escola de verán foron moi atractivos e axudaron a crear un clima case familiar de pequeno taller, no que o aproveitamento das ensinanzas e dos recursos foron excepcionais. Así tivemos ocasión de gozar das aulas da Casa da Cultura, marabilloso palacete na praza de Galicia, e do propio auditorio municipal, situado a poucos metros de distancia e no que, nunha das súas paredes principais, quedou inmortalizado un precioso mural realizado polo noso obradoiro de plástica.
Xunto con estas circunstancias físicas cómpre salientar moi especialmente as achegas que fixeron os diferentes profesionais que interviñeron como relatores nos diferentes obradoiros. Tocante á plástica, Leandro Lamas (pintor), María Manuela (pintora e cantante) e Carmen Martín (Escola Aberta de Arte de Ferrol). No que fai á música. os históricos Mini e Mero (Fixan os ventos e A Quenlla), Xurxo Varela (instrumentista de viola da gamba, entre outros, e profesor de música), Xoán Parga (profesor e membro de Pandeiromus) e Estrela Gómez (violinista e tamén profesora de música). A conferencia sobre a LOE foi ditada por Xosé Ramos, membro do secretariado nacional de NEG e director do CFR de Ferrol.
A valoración que podemos facer desta escola de verán é moi positiva, toda vez que cubrimos a práctica totalidade dos obxectivos previstos e que puidemos detectar que a necesidade existe e tamén a disposición do profesorado para realizar actividades nesta dirección de mellora das destrezas e coñecementos na educación artística. Quedou mesmamente aberta a posibilidade de constituírmos un grupo de traballo de educación artística.