|
 | A Actividade |  |
 | Secretaría |  |
|
 | Conclusións |  |
CONCLUSIÓNS DO IV CONGRESO DE MATERIAIS. MATERIAIS E RECURSOS DIDÁCTICOS INNOVADORES Tras escoitar o conxunto de enriquecedoras experiencias expostas de seguro que todos sacamos as nosas conclusión pero, a organización deste IV Congreso de Materiais tamén elaborou as súas. Como para ir comunicación por comunicación recollendo todo aquilo que, de novo e valioso reporta, precisariamos, como mínimo, que estas xornadas se prolongasen en tanto como o que xa duraron, optamos pola extracción daqueles elementos nos que se podería dicir que coinciden todas ou moitas delas:
- É necesario crear materiais contextualizados e adaptados aos nenos específicos aos que están dirixidos e as súas necesidades particulares. Materiais que recollan a experiencia vital dos alumnos que os van utilizar ou mesmo elaborar.
- Neste senso apuntamos a idea de que tan importante é o producto e todo aquilo que se pode facer con el, como enriquecedor o propio proceso de elaboración de materiais, recursos e proxectos innovadores.
- Aínda que as experiencias que se presentaron foron de moi diversa índole, non nos cabe dúbida de que todas elas supuxeron e esixiron un traballo cooperativo e coordinado no que diferentes persoas comparten un obxectivo que, en esencia, é o do desenvolvemento integral dos alumnos e alumnas que se atopan nas nosas escolas.
- Este obxectivo tamén debe ser compartido por todas aquelas institucións que, como a Facultade de Educación, teñen como propósito a formación daqueles que nun futuro se dedicarán profesionalmente ao eido educativo, por iso ese traballo coordinado debe repercutir e permitir unha estreita relación de aporte mutuo entre escolas e facultades.
- Outro elemento esencial, que pode ser considerado como un leitmotiv neste congreso é o feito de que todas as persoas que, dun xeito ou doutro, están implicadas no proceso de análise, planificación, deseño, desenvolvemento e avaliación de innovadoras propostas como as aquí expostas se ven inmersas, de forma inexorable -nunha situación de feedback comunicativo- todos reciben e aportan, todos aprenden e ensinan e estréitanse as relacións que, entre eles, se establecen.
- É precisamente esta natureza multidimensional e interactiva a que posibilita que estas propostas poidan estar sempre abertas ao cambio cara a mellora e, esta apertura, é a que lles inxire ese valor engadido que sempre proporciona unha actitude de superación.
- Este carácter flexible está estreitamente relacionado con todo iso que ten que ver coa necesaria adaptación aos imprevistos, pero tamén coa optimización do seu uso. Pois sabemos que o importante non é só facer materiais didácticos senón de facer uso didáctico dos materiais. (idea que xa oímos moitas veces pero de tal relevancia que se fai imprescindible salientar).
- Salientouse tamén, en reiteradas ocasións, que o intercambio interxeracional ten un incalculable valor como recurso.
- Din que a necesidade agudiza o enxeño e faise difícil contradicir este extracto da nosa sabedoría popular despois de todo o que vimos e oímos durante estes tres intensos días. No interese por desenvolver propostas intrinsecamente interesantes para unhas circunstancias concretas e específicas, é imprescindible partir da análise desas circunstancias e as necesidades concretas que as persoas que viven nesa realidade presentan.
- Ás veces, esas necesidades están noutro nivel, aquel que denominamos como carencias que non son máis que necesidades non percibidas polos propios necesitados, aí se atopa gran parte da esencia dos comezos de moitas propostas aquí feitas. En ocasións, non hai como facerse consciente das propias necesidades, para emprender iniciativas que intenten cubrilas.
- Para rematar, e xa como conclusión das conclusións (valla a redundancia) queda dicir que a educación é unha arte, unha arte sumamente optimista e, sen dúbida, todos os que neste congreso participaron, son consolidados artistas que modelan, creativa e esperanzadoramente, a realidade educativa que se vive nas súas aulas; nos seus centros; nas súas comunidades; etc. facéndose co mazo e o punteiro axeitado para a materia prima que, en cada momento, consideran a máis axeitada para os seus propósitos.
|
|
 | Presentación |  |
Xustificación:
Estamos inmersos nun dilatado contexto socioeducativo de complexidade crecente, definido ás veces por inercias permanentemente reproducidas e problemáticas diversas e mesmo aparentemente irredutibles, que esixen de solucións didácticas tan complexas coma imaxinativas, materializadas en prácticas innovadoras, experiencias estimulantes e materiais educativos renovadores. Un contexto que demanda ás nosas escolas, ós nosos profesionais, e ós nosos centros e comunidades educativas a posta en xogo do seu máximo enxeño e creatividade, do seu máis esixente e comprometido fluxo de enerxía, habelencia e ilusión, a prol da mellora das condicións e calidade da educación, no seu sentido máis amplo e ambicioso.
Froito desa fonda convicción e da asunción dun compromiso ineludible por parte dalgúns dos profesionais que configuran o vasto universo da educación, no noso país teñen xurdido nos últimos anos unha serie de experiencias didácticas valiosas, de moi diversa índole e entidade. Trátase dun conxunto de iniciativas –amplamente recoñecidas e premiadas en diferentes certames– que demostran o talento e bo facer de tantos educadores e educadoras galegos/as e que, sen embargo, poden seguir a ser grandes descoñecidas na praxe dos nosos centros. De aí que consideremos preciso darlles voz a aqueles/as que se atreven a rachar coa rutina do cotiá e a afrontar con decisión os desafíos que depara o futuro e presente da educación en Galicia.
Conscientes de que, hoxe en día, os educadores e educadoras dos múltiples niveis do ensino precisamos dese pulo necesario e inspirador que nos axude a revisar criticamente as nosas prácticas e a reformular, de ser preciso, o noso propio labor, nace este IV Congreso de Materiais Didácticos, como espazo de reflexión que xorde con vocación difusora e impulsora de espíritos críticos, construtivos e comprometidos co cambio necesario.
Obxectivos:
1. Impulsar a necesaria difusión de experiencias e materiais didácticos innovadores concibidos, promovidos e implementados nos últimos anos dende moi diversos colectivos de carácter educativo: grupos de investigación, centros educativos, concellos, colexios profesionais, movementos de renovación pedagóxica... dando a coñecer proxectos didácticos de recoñecida valía e calidade –premiados en diferentes certames– e procedentes de múltiples contextos galegos.
2. Reavivar o debate en torno ós calidoscópicos significados e as vastas implicacións que trae consigo o concepto de innovación educativa na actualidade, suscitando a súa análise e rigorosa revisión, dende unha perspectiva crítica e realista, afincada no fértil terreo da práctica reflexiva.
3. Erixirse en espazo e oportunidade de encontro heteroxéneo para tódolos profesionais dos diferentes niveis do ensino e de tódalas posibles procedencias, contextos e eidos de especialización e intervención, tomando como punto de partida a análise dunha escolma de experiencias educativas relevantes e significativas.
4. Constituírse en fonte de reflexión e mesmo inspiración para os profesionais da educación no noso país, promovendo a creación autónoma de recursos educativos e materiais didácticos propios adaptados ás idiosincrásicas necesidades contextuais de cada contorno comunitario específico.
|
|
 | Documentación |  |
|
|
 | Ficha técnica |  |
Título da actividade: IV Congreso de Materiais: “Materiais e recursos didácticos innovadores”.
Datas de celebración: 3, 4 e 5 de xullo de 2007
Lugar de celebración: Facultade de Ciencias da Educación (Campus Sur). Santiago de Compostela
Destinatarios/as: Profesorado dos distintos niveis educativos, en exercicio ou non. Outros profesionais da educación.
Prazas: 150, por rigorosa orde de inscrición.
Nº de horas: 20 horas (homologación da Consellería de Educación en trámite). 1 crédito de libre configuración concedido por calquera das tres universidades galegas (Facultades de Ciencias da Educación e Escolas de Maxisterio).
Cotas de inscrición: Ata o 25 de xuño de 2007: Ordinaria: 30 € Socios/as de Nova Escola Galega: 12 € Parados/as e estudantes (é precisa xustificación documental): 12 €
A partir do 26 de xuño de 2007: Ordinaria: 36 € Socios/as de Nova Escola Galega: 18 € Parados/as e estudantes (é precisa xustificación documental): 18 €
Forma de pagamento: Entrega ou transferencia bancaria á conta de NEG en Caixa Galicia 2091 – 0300 – 45 – 3040089500
Inscrición: Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento a: IV Congreso sobre Materiais Nova Escola Galega Apdo. 586 15703 Santiago de Compostela Fax: 981 562 577 Correo-e: neg@mundo-r.com
|
|
|
|