Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2009 VII Xornadas Ciencia e Territorio 
Usuario
Contrasinal:

A Actividade

Secretaría
Memoria das Xornadas
Ficha de inscrición
Programa

Prensa
Comunicados de prensa
Referencias na rede
Faro, 22 setembro
Ideal, 12 setembro
culturagalega.org, 8 setembro
Voz, 15 setembro
Voz Ourense, 11 setembro
Voz, 11 setembro
Voz, 10 setembro
Correo, 8 setembro
Voz, 5 setembro
Voz, 12 xullo
Radiofusión, 9 xullo
mundogaliza.org, 9 xullo
culturagalega.org, 9 xullo

Pechada a matrícula
Pechada a matrícula
A matrícula nas "VII Xornadas Ciencia e Territorio. Os procesos glaciares e periglaciares en Galicia: O exemplo das serras sudorientais" está pechada por térense cuberto todas as prazas dispoñibles. Nova Escola Galega agradece sinceramente o interese manifestado por todas aquelas persoas que formalizaron a súa matrícula, pero tamén por aquelas que solicitaron información sobre a actividade e que non teñen a oportunidade de asistir.  

Presentación
O ensino non pode ser concibido sen que intente achegar o medio social, natural, económico e cultural á escola. É por iso polo que a partir do ano 2003, Nova Escola Galega e os Departamentos de Ciencias Naturais e Ciencias Sociais do IES Melide propuxeron, nunha convocatoria anual, unhas xornadas de estudo, inicialmente centradas na comarca da Terra de Melide, pero que a partir deste ano se amplían a todo o ámbito galego.

A convocatoria nacía coa pretensión de ser exemplificadora a respecto do como os educadores e educadoras podemos aproveitar os recursos didácticos que nos ofrece o medio, e niso seguimos, aínda que o currículo relativo ao medio físico parece achicarse máis a cada curso que pasa (desaparición da Xeoloxía e das Ciencias Medio Ambientais, optatividade para Ciencias da Terra, marxinalidade para a Xeografía de Galicia...).

Despois de seren exploradas as posibilidades didácticas da Xeoloxía, da Xeomorfoloxía, da Botánica, da Arqueoloxía, e da Auga (I e II), as VII Xornadas Ciencia e Territorio pretenden afondar en aspectos moi concretos da Xeomorfoloxía, como é a pegada do glaciarismo e periglaciarismo en Galicia. Aínda que gran parte dos feitos aconteceron en tempos xeolóxicos pasados, non debemos obviar o impacto do cambio climático, do que tanto se fala actualmente, sobre os procesos glaciares e periglaciares.

Clica aquí se queres acceder á información sobre as VI Xornadas Ciencia e Territorio

(máis información)

Conclusións
1. Galicia é un país rico en pegadas glaciares. Precisamente por iso, tales pegadas deben converterse nun ben colectivo que poida ser gozado por toda a cidadanía. Desde esta óptica, faise necesaria a sinalización de tales pegadas, o deseño de rutas sobre o glaciarismo e a elaboración de materiais asequibles tamén para as persoas non iniciadas. Particularmente, sería preciso poñer en marcha medidas de protección que impidan o seu deterioro.

2. O desenvolvemento das propias Xornadas puxo en evidencia que a ciencia xeolóxica está aínda en construción en Galicia. Porén, as perspectivas sobre o seu desenvolvemento son optimistas na actualidade.

3. Despois dos tres días de traballo de campo, o ensino de butaca semella ter menos sentido aínda. O alumnado debe aprender sobre todo a partir da experimentación e da interacción co medio. Desaproveitar os recursos didácticos que o medio nos ofrece semella un grande contrasentido.

4. O traballo de campo desenvolvido provocou na xeneralidade dos asistentes a sensación de que é preciso revisar os conceptos científicos –en continua evolución a medida que evoluciona a propia Ciencia- que son transmitidos de ordinario na aula.

5. Os libros de texto ignoran as máis das veces a realidade próxima ao alumnado, e a realidade galega en xeral. Esta aseveración faise máis evidente aínda na cuestión das pegadas do glaciarismo, pois Galicia conta con manifestacións desta índole que se encontran entre as máis importantes do Estado.

6. Considérase necesaria a realización de actividades de formación do estilo das Xornadas Ciencia e Territorio, fundamentalmente por dúas razóns. Por unha parte, o traballo práctico de campo provoca que se perciba na realidade aquilo que nos libros só aparece de maneira teórica; por outra, e como consecuencia da anterior, a asistencia a este tipo de actividade mellorará, sen dúbida, o traballo didáctico tamén na propia aula.

7. Particularmente, os participantes nas VII Xornadas Ciencia e Territorio, queren facer unha reflexión sobre a proliferación de actividades de formación on-line e sobre a practicamente nula –se obviamos as propias Xornadas- oferta de actividades de formación práctica que inclúa traballo de campo. Aínda considerando as primeiras moi útiles, semella un contrasentido que os Centros de Profesorado e a propia Administración esquezan as segundas. A formación en horario lectivo, por outra parte, segue considerándose por parte dos asistentes como unha necesidade evidente.

8. Resulta particularmente gratificante a relación humana que se establece en tres xornadas intensas de traballo. Máis alá dos obxectivos explícitos a partir dos cales foi deseñada a actividade, a dinámica creada entre os asistentes provocou un clima favorecedor do propio traballo en si e da reflexión constante.

9. Os asistentes ás VII Xornadas Ciencia e Territorio manifestaron na posta en común final, e por práctica unanimidade, o seu desconcerto polo feito de que a actividade de formación se desenvolvese sen ningún tipo de axuda oficial. Esta circunstancia é especialmente paradoxal se se ten en conta, como xa queda reflectido, que se trata dun tipo de formación que non é ofertada nin polos Centros de Profesorado nin pola propia Administración educativa.

10. Os participantes manifestaron tamén o seu compromiso para continuar afondando no traballo de campo, en sucesivas actividades de formación semellantes, sobre os recursos didácticos que nos ofrece o medio.


Ficha técnica
Título da actividade:
VII Xornadas Ciencia e Territorio. Os procesos glaciares e periglaciares en Galicia: O exemplo das serras sudorientais.

Datas de celebración:
9, 10 e 11 de setembro do 2009.

Lugar de celebración:
Salón de Actos da Biblioteca Municipal de Melide.
Traballo de campo en diferentes lugares de Galicia.

Destinatarios/as:
Profesorado de Ensino Secundario do ámbito das Ciencias Sociais.
Profesorado de Ensino Secundario do ámbito das Ciencias Naturais.
Profesorado de Ensino Primario e Secundario en xeral.

Número máximo de participantes:
50, por rigorosa orde de inscrición.

Nº de horas:
24 (homologación da Consellería de Educación en trámite).

Cotas de inscrición:
Ata o 30 de xullo de 2009
Ordinaria: 60 €
Socios/as de NEG, parados/as e estudantes: 30 €

Desde o 31 de xullo de 2009
Ordinaria: 70 € S
ocios/as de NEG, parados/as e estudantes: 40 €

Forma de pagamento:
Entrega ou transferencia bancaria á conta de NEG en Banesto 0030 – 6149 – 15 – 0298019273

Inscrición:
Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento.




Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com