Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2014 V Seminario sobre a Memoria: Asociacionismo mariñeiro, represión franquista e resistencia democrátic 
Usuario
Contrasinal:

A Actividade

Secretaría
Memoria da actividade
Programa
Ficha de inscrición

Prensa
Crónicas da comarca, xuño 2014

Conclusións
PRINCIPAIS CONCLUSIÓNS DO V SEMINARIO SOBRE A MEMORIA: “ASOCIACIONISMO MARIÑEIRO, REPRESIÓN FRANQUISTA E RESISTENCIA DEMOCRÁTICA”

1. Segue considerándose a actividade, igual que nas edicións precedentes, como un interesante exercicio de análise e comprensión dun fenómeno histórico moitas veces descoñecido e, outras, declaradamente ignorado. Ademais de ser analizado o fenómeno do asociacionismo mariñeiro e a represión de que foron obxecto os homes e as mulleres do mar, ao tempo foi realizado tamén un interesante exercicio humano de comprensión dunha realidade na que, en efecto, o verdadeiro protagonismo recae nas persoas.

2. Os asistentes reafírmanse na necesidade de que as institucións públicas recoñezan plenamente os feitos relacionados coa represión franquista, recoñecemento que dista moito de estar plenamente conseguido na actualidade. Faise especial mención á existencia, aínda na actualidade, de documentos sen desclasificar sobre diferentes episodios transcendentais da nosa historia.

3. Particularmente, valóranse algúns acontecementos da realidade dos nosos días como un claro retroceso no proceso de consecución da liberdade e dos dereitos das persoas, en xeral. Con todo, enténdese que a loita levada a cabo por tantos homes e mulleres, lonxe se ter sido improdutiva, sentou as bases duns valores que se consideran, máis que nunca, imprescindibles na sociedade actual.

4. Constátase repetidamente ao longo das diferentes sesións do Seminario a importancia, a carón dos feitos históricos globais, da intrahistoria, é dicir, dos pequenos episodios e dos feitos protagonizados por personaxes de carne e óso, que distan moito de aparecer nos grandes tratados de historia pero que desempeñaron o papel de auténticos protagonistas dos feitos históricos analizados. Véxase, como exemplo paradigmático, o feito de que unha persoa asistente ao seminario descubrira por sorpresa, e grazas á exhaustiva información facilitada polos expertos, a militancia e o compromiso político da súa avoa.

5. Para as persoas asistentes ao Seminario, unha vez coñecidos e analizados os episodios tratados durante o seu desenvolvemento, cobran especial sentido expresións de autores/as dispares que verbalizaron pensamentos tales como Un paso adiante e outro atrás; Non se poden confundir os desexos coa realidade; Non é o caso de revisar a teoría, senón a práctica; Somos vítimas do silencio dos nosos pais e nais, pero responsables da ignorancia dos nosos fillos e fillas...

6. Sendo evidentes as virtualidades didácticas que a temática tratada no Seminario ofrece, semella tamén evidente que esta potencialidade dista moito de ser contemplada desde os currículos oficiais, alleos de máis á cuestión. Enténdese que os programas deberían ser revisados neste sentido.

7. Singularmente, constátase que a política franquista, especialmente a educativa, fixo desaparecer a riqueza da linguaxe necesaria para desenvolver o espírito crítico, e esta realidade faise evidente se se observa a escasa consciencia amosada polas novas xeracións sobre o momento económico e social que se vive na actualidade. Durante a transición, e ata os nosos días, deuse tamén un certo proceso de autocensura que levou a agochar contidos desta complexidade, que esixen tamén un coñecemento do que o profesorado en moitas ocasións non dispón. Este coñecemento só nos últimos tempos, e derivado dos resultados de certas investigacións e publicacións, empeza a saír á luz. Intentar superar esta situación é, sen dúbida, un dos retos máis importantes que debe considerar o sistema educativo.

8. Desde a óptica estritamente educativa, igualmente, debúxase como unha liña de traballo interesante aquela que contemple a realización de proxectos de investigación –tamén por parte do alumnado dos chanzos inferiores do sistema educativo– que permitan sacar á luz na contorna realidades e episodios históricos adurmiñados. Non se trata xa só de descubrilos, senón de provocar a partir deles a recuperación dunha memoria colectiva que en demasiadas ocasións permanece aínda sen ser verbalizada por culpa da propia pegada que deixaron os feitos.

9. As asociacións e colectivos que se interesan pola recuperación da memoria histórica teñen centrada a súa atención especialmente en retos de ámbito xurídico –recoñecemento das vítimas, levantamentos de fosas comúns…–. Derivar as súas liñas de acción tamén cara ao ámbito educativo sería fundamental, precisamente porque acabaría creándose un fío para que as novas xeracións tivesen acceso ao coñecemento duns feitos moitas veces agachados pola historiografía oficial.

10. O deseño do Seminario, combinando o traballo de campo coa análise de documentos audiovisuais e, finalmente, co saber teórico de especialistas nesta época histórica, valórase como moi oportuno, porque xustamente pretendeu integrar diferentes fontes de información e investigación sobre o tema.

11. No transcurso do Seminario puxéronse en valor estratexias metodolóxicas rigorosas para que as persoas que queiran achegarse a esta temática poidan facelo considerando elementos básicos que provoquen un coñecemento preciso da realidade estudada.

12. Valórase como fundamental a participación de familiares directos dos represaliados, que achegaron datos e vivencias esenciais para comprendermos o fondo sentido ético e as renuncias persoais que se viron obrigados a realizar os guerrilleiros e as súas familias.

13. Desde a óptica, particularmente, dos familiares dos guerrilleiros presentes no Seminario, recoñécese o esforzo realizado coa súa convocatoria e maniféstase o desexo de que as experiencias vividas no seu desenvolvemento sirvan para provocar entre as novas xeracións un coñecemento máis profundo das realidade histórica analizada.


Presentación
PRESENTACIÓN
A convocatoria do Seminario pretende suxerirlles aos asistentes unha reflexión sobre o fenómeno do asociacionismo mariñeiro e da guerrilla antifranquista que posibilite un mellor coñecemento do noso pasado máis recente. Tal pretensión arela provocar tamén que a actualización dos coñecementos sobre o asociacionismo mariñeiro e a guerrilla antifranquista contribúa, no alumnado indirectamente beneficiario da reflexión, á comprensión do presente e á adopción dunha actitude responsable e solidaria na defensa da liberdade, sen perder nunca a consciencia de cales son os dereitos e as obrigacións de cadaquén.

OBXECTIVOS
1. Identificar, analizar e explicar, situándoos no tempo e no espazo, os feitos, personaxes, problemas, etapas e procesos máis significativos do asociacionismo mariñeiro e a guerrilla en Galicia.
2. Distinguir e valorar os trazos permanentes dos procesos de transformación e cambio nos diferentes períodos, analizándoos desde a realidade dos nosos días.
3. Coñecer a historia do asociacionismo dos pescadores na Galicia.
4. Situar estes procesos históricos no contexto de Galicia e do Estado.
5. Estudar e analizar diferentes aspectos básicos da evolución histórica de Galicia.
6. Facilitar ao alumnado, profesorado e persoas interesadas, o estudo do asociacionismo dos pescadores e a guerrilla.
7. Contribuír ao desenvolvemento dunha sensibilidade comprometida, responsable e activa coa democracia e os dereitos humanos.
8. Contribuír á consolidación de actitudes e hábitos de tolerancia e solidariedade entre os diversos pobos de Estado.
 

O Seminario contará coa presenza, salvo causa de forza maior, dos ex-guerrilleiros Francisco Martínez, Quico, e Camilo de Dios. Tamén contará coa presenza de Fernanda Cedrón, neta do Gardarríos; de Víctor García, fillo do Brasileiro; de Xulio Patachiusa, preso macedonio en varios campos de concentración nazis; e de Montse Fajardo, autora de 'Matriarcas'.
 Acceso á última edición celebrada clicando aquí:

(máis información)

Documentación
Vídeo d'A Nosa Terra sobre o centenario de Foucellas (II)
Vídeo d'A Nosa Terra sobre o centenario de Foucellas (I)
Vídeo de Vieiros con testemuñas sobre Foucellas
Vídeo sobre a estrea do documental "Miracielo, vida e morte de Manuel Ponte Pedreira"
Nomes e voces, proxecto interuniversitario
é-memoria, páxina de Manuel Pazos
Intervención de Quico Martínez en Sigüeiro (1 de xuño)

Galería de imaxes
Acceso á galería de imaxes

Ficha técnica
Título da actividade:
V SEMINARIO SOBRE A MEMORIA: Asociacionismo mariñeiro, represión franquista e resistencia democrática.

Datas de celebración
30 e 31 de maio, e 1 de xuño de 2014.

Lugares de celebración: .
Sesións plenarias e traballo de campo nos concellos de Rianxo, Noia. O Son, Oroso, Mesía e Curtis.

Destinatarios/as:
Persoal docente do ensino público e concertado, e en paro.

Número máximo de participantes:
50, por rigorosa orde de inscrición.

Nº de horas: 
20 (homologación da Consellería de Educación en trámite).

Cotas de inscrición:
(A matrícula inclúe os traslados en autobús e os xantares de campo).

Ata o 25 de maio de 2014
Socios/as de Nova Escola Galega: 30 €.
Parados/as: 40 € (é precisa xustificación documental).
Cota ordinaria: 60 €.

Desde o 26 de maio de 2014
Socios/as de Nova Escola Galega: 40 €.
Parados/as: 50 € (é precisa xustificación documental).
Cota ordinaria: 70 €.

Forma de pagamento:
Ingreso ou transferencia bancaria á conta de Nova Escola Galega en NOVAGALICIA BANCO: 2080 – 0300 – 85 – 3040089500

Inscrición:
Achega do boletín de inscrición xunto co xustificante do pagamento.




Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com