Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2015 Re.Cursos Módulo 2. Formación. Investigación. Acción. Ioga 
Usuario
Contrasinal:

A Actividade

Secretaría
- Boletín de inscrición
- Programa

Presentación

" …o ser humano cando chega ó mundo non está rematado. A educación ten por obxectivo desenvolver as súas potencialidades, as cales o levarán a comprender o seu sitio na Terra e os seus vínculos co Universo. A finalidade da escola non é tan só a de facer de nós uns e unhas boas profesionais, senón persoas en evolución ó longo da vida…"

Michele Flak (creadora do movemento para a investigación do ioga na educación, 1978)

 

Isto coincide cos catros piares da educación segundo o informe Delors "A educación no século XXI": Aprender a coñecer. Aprender a facer. Aprender a convivir. Aprender a ser.

 

O método Re.cursos. Respirando Alegría achegaralle ó educador/a ferramentas aplicables no seu espazo educativo para mellorar a atención, a escoita e a concentración do alumnado.

 

As educadoras e os educadores que traballan na ensinanza teñen multitude de recursos. Co programa Re.cursos. Respirando Alegría poñeremos a atención no noso corpo como terra de cultivo, para sabermos como estamos, que sentimos, que imos plantar (actitude aberta, escoita activa, empatía etc), para despois sementarmos na aula. Facilitaremos que todos/as os/as participantes conecten co seu presente e coa súa realidade, corporal e física-espacial, para re-crear e poñer en marcha formas de xerar outros espazos educativos; segundo a Terra (o noso horto), así os froitos.

 

Queremos froitos de alegría, da que se xera no corazón.

 

1. PRINCIPIOS, OBXECTIVOS, METODOLOXÍA E INTENCIÓN.

 

1.1. Metodoloxía e Intención.

 

A metodoloxía que require unha formación como Re.cursos. Respirando Alegría parte da vivencia persoal e individual, nun primeiro paso como persoa e nun segundo como educador/a. As vivencias e o sentir dende o corazón non se poden materializar dende a linguaxe intelectual. Isto implica que para acadar técnicas aplicables á aula ou ó contexto educativo será necesario primar o sentir ó pensar, para que as nosas formulacións didácticas constrúan unha nova educación "a educación con corazón".

 

Polo tanto, para obtermos resultados diferentes, temos que dar pasos diferentes como educadores/as. O que esta formación ofrece son experiencias persoais que xerarán novas formas de educar. En consecuencia, a metodoloxía do programa tamén será complementada polo compromiso dos e das participantes.

 

A nosa metodoloxía participativa propiciará sincronías que traduciremos en ferramentas xeradoras da educación que buscamos.Tamén desenvolverá o aumento da consciencia de como estamos, quen somos e que queremos.

 

E para iso, a principal técnica metodolóxica basearase nas achegas do ioga.O noso método favorecerá a calma mental como requisito sine qua non para un novo aprender, un novo ensinar.

 

Polo tanto, o programa Re.cursos. Respirando Alegría levarase a cabo a través da participación activa, tanto nas dinámicas presenciais de cada módulo como na posibilidade de participar no proxecto ALMAzen, un espazo/servizo co-creado polos seus protagonistas para unha educación diferente.

 

1.2 Principios do programa.

 

Algúns dos principios do programa que ofrecemos son:

 

ü A aprendizaxe é un proceso que pon en funcionamento o conxunto da persoa, particularmente o consciente e inconsciente, o corpo e as emocións, o cerebro e o corazón.

ü O entorno da aprendizaxe (físico, emocional, mental e social) xoga un papel importante na calidade da aprendizaxe.

ü Consideramos que a intelixencia de cada persoa está formada por múltiples intelixencias que lle son propias.

ü Apréndese mellor cando estamos nun estado de distensión atenta.

ü A aprendizaxe significativa facilítase nun contexto pracenteiro.

ü Apréndese mellor cunha postura correcta.

ü Un mellor coñecemento do funcionamento da mente e do cerebro permite mellorar a calidade da aprendizaxe.

ü O traballo cooperativo facilita e enriquece a aprendizaxe.

 

1.3 Obxectivos.

 

  1. Contribuír na mellora da práctica docente no desenvolvemento de novos métodos educativos.
  2. Harmonizar a relación entre os axentes educativos (tensións propias e colectivas).
  3. Dotar ó profesorado e ó alumnado de recursos para a prevención e a diminución da tensión.
  4. Facilitar a educación integral nos diferentes ámbitos psicolóxicos, emocionais e sociais.
  5. Compartir experiencias e iniciativas no ámbito das intelixencias múltiples a través dun grupo de traballo e investigación.
  6. Favorecer o rendemento escolar e o éxito das formulacións didácticas.

 

2. Como o imos conseguir?

 

A través do compromiso, piar básico de Re.Cursos:

 

1.                  Compromiso persoal cun mesmo ou mesma.

  1. Compromiso persoal e co programa.
  2. Compromiso persoal, co programa e co grupo.
  3. Compromiso persoal, co programa, co grupo e co ámbito educativo.

 

Recibo o que dou; así a Terra, así os seus froitos.”

 

"Quen debe emocionarse é o/a educador/a, quen debe transformarse é o/a educador/a, quen debe relaxarse é o/a educador/a, quen debe estar atento/a é o/a educador/a…"

 



Documentación

Ficha técnica

RE.CURSOS. RESPIRANDO ALEGRÍA. MÓDULO 2: Formación. Investigación. Acción. Ioga
6 e 7 de decembro de 2014- Santiago de Compostela

- Cota ordinaria: 100 euros.

- Desempregados/as:  85 euros
- Socios/as de Nova Escola Galega en activo: 75 euros.

- Socios/as que realizaron algunha actividade de Re.cursos. Respirando Alegría: 65 euros.
- Socios/as desempregados/as:  50€ (cota de asociación de 20€ anuais- consultar en neg@mundo-r.com)

Prazo de inscrición: Ata o 1 de decembro. Prazas limitadas

- FICHAS DE INSCRICIÓN:

Enviar por correo electrónico a neg@mundo-r.com ou por fax ao 981562577

(acompañar co xustificante de ingreso)

- CONTA DE INGRESO: ABANCA IBAN ES77 2080 0300 8530 4008 9500





Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com