Navegación: Inicio Actividades Actividades realizadas Ano 2015 VIII ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL 
Usuario
Contrasinal:

A Actividade

Secretaría
- Aloxamento e restauración en Samos
- Programa
- Folla de inscrición

Presentación

PRESENTACIÓN, OBXECTIVOS E METODOLOXÍA DO ENCONTRO

 

Os ENCONTROS DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL son unha iniciativa singular de Nova Escola Galega que comeza no ano 2006 e da que se levan desenvolvido previamente sete edicións. Estes encontros interdisciplinares pretenden achegarlle ao profesorado, á comunidade educativa e á sociedade no seu conxunto reflexións sobre a historia, a actualidade e o futuro do medio rural galego, con especial atención ao papel que neste medio desenvolven a cultura e a educación, ben desde a propia institución escolar ou ben desde outras iniciativas de carácter socioeducativo e/ou comunitario promovidas por entidades diversas e asociacións do eido cultural. Desde os seus principios esta actividade procurou servir de espazo de encontro e confluencia de diferentes profesionais e colectivos para dar a coñecer e impulsar accións a prol dun futuro sustentable para o medio rural, horizonte no que o papel da cultura e da educación adquire unha importancia estratéxica, tal e como o recoñecen distintos organismos internacionais.

 

A escola rural, inserida no seu medio e permeable á cultura comunitaria, é considerada como un laboratorio pedagóxico capaz de promover experiencias que acadan sempre recoñecemento no ámbito profesional e unha forte consideración nas súas comunidades de referencia e entre a cidadanía. No pasado, a escola rural foi considerada un referente cultural –ás veces, o único– de primeira magnitude. Aquelas escolas comunitarias son o xerme do que hoxe se considera un dos referentes pedagóxicos máis ricos: as denominadas “comunidades de aprendizaxe”. Estas experiencias contan coa capacidade pedagóxica da propia comunidade e contribúen á consecución de aprendizaxes máis significativas e de vivencias que axudan ao desenvolvemento integral das persoas en formación; son pois experiencias que desenvolven, da man da cultura e nos nosos particulares territorios de convivencia, verdadeiros espazos para a formación permanente ao longo da vida.

 

Diversos exemplos de iniciativas públicas deste tipo, pero tamén de escolas libres autoxestionadas, terán o seu espazo no programa da oitava edición do Encontro, que nesta ocasión levará por título ALTERNATIVAS EDUCATIVAS DE DESENVOLVEMENTO RURAL COMUNITARIO precisamente coa intención de poñermos o acento na dimensión comunitaria que todo proceso de desenvolvemento sociocultural e educativo ha de posuír, e moi especialmente cando se contextualiza no medio rural. Na presente edición a sede do Encontro (sempre rotatoria polo territorio galego) será a fermosa vila de Samos (Lugo), concretamente o seu CEIP, co propósito de poñermos de relevancia e apoiar a modélica experiencia socioeducativa que a comunidade escolar local, especialmente sensibilizada a prol do medio rural, leva realizando nos últimos anos na liña antes sinalada.

 

A actividade realizarase en horario intensivo o sábado 7 (todo o día) e o domingo 8 (só de mañá) de marzo de 2015, e ao longo de todas esas horas de convivencia desenvolveranse diferentes propostas formativas (relatorios, mesa redonda, presentación de experiencias e boas prácticas educativo-rurais, un obradoiro sobre materiais didácticos) co seu correspondente espazo de debate e reflexión pedagóxica, pero tamén haberá tempo para poñer de manifesto e gozar a cultura rural galega a través dalgunhas das súas variadas manifestacións: música e baile da terra, literatura oral, artesanía, patrimonio arqueolóxico, ou poesía do labrego das letras (o poeta local Fiz Vergara Vilariño).

 

O grupo de educación no rural de NEG e a Asociación Un paso polo futuro (colectivo de nais e pais do CEIP de Samos) convocan pois a profesionais e estudantes dos eidos da educación ou o desenvolvemento rural, familias e calquera persoa preocupada pulo futuro do medio rural, para que se animen a participar nestas dúas xornadas de análise pedagóxica, reflexión comunitaria e convivencia compartida.

 



Documentación
Homenaxe a Fiz Vergara
Conclusións do VIII Encontro de debate sobre o medio rural

Ficha técnica

VIII ENCONTRO DE DEBATE SOBRE O MEDIO RURAL

CEIP de Samos, 7 e 8 de marzo de 2015

Destinatarias/os: profesionais e estudantes dos eidos da educación ou o desenvolvemento rural, familias e calquera persoa preocupada polo futuro do medio rural

Matrícula (ata o 2 de marzo):

- Parados/as e estudantes, 10€

- Socios/as de NEG, 30€

- Público en xeral, 35€

A matrícula dá dereito a un certificado de Nova Escola Galega por 15 horas de asistencia. PRAZAS LIMITADAS.

*Consciente da situación de crise económica que padecemos, a organización facilitará a asistencia ao encontro a calquera persoa interesada á que o custo da matrícula lle puidese representar unha limitación

Importante: para participar na cea do sábado hai que sinalar cun X no lugar correspondente da folla de inscrición. O custe aproximado será de 8€, a aboar na mesma cea. As persoas que precisen de aloxamento poden informarse descargando o arquivo correspondente no apartado Secretaría.

Inscricións: enviarase cuberto o formulario de inscrición xunto coa copia do ingreso bancario (nº de conta de NEG en ABANCA: ES77 2080 0300 85 3040089500; indíquese nome completo, NIF e concepto “Matrícula Encontro Rural Samos”) ao enderezo electrónico (ou ao enderezo postal) sinalados ao final.

NOVA ESCOLA GALEGA

Rúa das Hedras, 4-2ºO    15895 NOVO MILLADOIRO (Ames, A Coruña)

Telf./Fax: 981-562577    neg@mundo-r.com

 





Nova Escola Galega - San Clemente 18-baixo - 15705 Santiago de Compostela - Tel/Fax 981 562 577 - neg@mundo-r.com