DESCRICIÓN XERAL
O IX Seminario de Avaliación de Materiais Didácticos presenta características especiais a diferenza de anos anteriores.
Neste seminario reflexiónase sobre as características e o proceso de implementación dos materiais didácticos dixitais nas escolas. Ofrece a oportunidade de analizar o que supón o proxecto E-DIXGAL no contexto galego e de coñecer experiencias educativas innovadoras de interese para o profesorado. Para isto, teremos en conta os resultados obtidos no proxecto de investigación Escuel@ Digit@l financiado polo Programa Estatal I+D+i orientado aos Retos da Sociedade e coordinado polo profesor Manuel Area da Universidade de La Laguna (Tenerife). Este proxecto de investigación, pretente analizar o estado actual da produción, distribución e utilización pedagóxica nas aulas dos contidos dixitais educativos ou materiais didácticos en liña destinados á Educación Primaria en tres comunidades do Estado español (Canarias, Valencia e Galicia). No estudo participan varios membros de Cavila e de Universidades Galegas.
Obxectivos do Seminario:
1. Dar a coñecer as achegas que sobre os Materiais Didácticos Dixitais atopamos en Galicia a través do estudo mencionado.
2. Coñecer o que está acontecendo noutras comunidades.
3. Aportar reflexións ao redor do que acontece na realidade galega no relativo ao emprego dos Materiais Didácticos Dixitais .
4. Coñecer os materiais didácticos na era dixital actual a través da reflexión entre diferentes ámbitos relacionados coa educación.
5. Analizar o papel do libro de texto no contexto da escola dixital.
6. Ofrecer recursos (guías de avaliación e/ou técnicas de análise) para a avaliación dos materiais de diferentes ámbitos (videoxogos, libros dixitais, música, infantil, etc.).
Metodoloxía do seminario:
A metodoloxía do seminario varía con respecto a anos anteriores, contando cunha mesa redonda, presentacións de diferentes experiencias en centros educativos da comunidade e debate sobre as guías de avaliación de materiais didácticos que veremos durante a sesión.